Ben sexa por puro desleixo, por exceso de despreocupación ou simplemente porque non damos para máis, pero a verdade é que a historia de Internet non brilla especialmente no que se refire á elección dos contrasinais cos que decote accedemos aos diferentes servizos da Internet. En moitos casos, a cousa é ben sinxela: se o/a internauta convive cun animal, dispáranse as posibilidades de que a clave elixida para que se erga o muro que afasta aos demais dos seus segredos sexa precisamente o nome dese animal. Pero aínda podemos dar un paso máis e ser aínda máis exhaustivos: segundo un estudo de Sophos do que se fai eco estes días Elpais.es, arredor dun terzo dos usuarios desta cousa chamada Internet teñen a mesma clave para todos os seus accesos a Internet. Ademais, unha boa parte deles optan por protexer os seus datos e servizos personalizados por unha solución tan obvia, que case se podería dicir que é tremendamente complexa: os primeiros catro números da táboa.
A estratexia, nalgúns casos froito do desleixo e noutros dun exceso á hora de consumir filmes de espionaxe (haberá quen vexa unha gran idea deixar aberta a porta da casa para despistar ao ladrón), tenlle saído caro a máis de un internauta, algún tan importante –aínda que non precisamente por optar polo código 1234- como o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, que durante a achega dos datos persoais para entrar a formar parte do club Twitter subministrou a través do seu equipo técnico a versión inglesa do termo ledicia, probablemente a palabra que máis se repite nos manuais de autoaxuda para presidentes dun país.
A cousa tivo continuidade: quen lle roubou a clave pasou unhas cantas horas (agora si) de ledicia grazas ao privilexio de enviar correos no seu nome. O caso de Paris Hilton, prosegue Elpais.es na súa reportaxe, tamén ten delito: as preguntas de seguridade que escolleu para recuperar os contrasinais do seu correo, en T-Mobile e Yahoo!, eran tan doadas que só era preciso unha pequena procura en Google para atopar a resposta. Por certo que fóra do devandito achado da secuencia numérica, os internautas non adoitan a optar por alternativas moito mellores: o 16% emprega o propio nome ou o dos familiares directos, o 5% nomes de series ou filmes ou a propia palabra password para o 4%. Na imaxe, unha ollada a un terreo común: o teclado de Johne1981 no Flickr.
Un terzo dos internautas botan man da mesma clave para todas as portas da Rede
Compartir Este Artigo

