Caixanova vén de facer reconto do acadado polo seu servizo de caixa en liña. Segundo informa a propia banca, a caixa electrónica da entidade financeira galega (Enova) conta arestora con máis de 200.000 clientes rexistrados. Asemade, e collendo como referencia os datos do ano pasado (un 38% de incremento), todo indica a que o número de usuarios seguirá a medrar a bo ritmo. Para Caixanova, as razóns deste espallamento están sobre todo nas “importantes melloras e funcionalidades desenvolvidas no servizo durante ese exercicio”. Estes avances, máis polo miúdo, véñense traducindo en pasos cara a diante en materia de accesibilidade e eficacia (elementos que fan máis visibles os recursos para persoas con diversidade funcional, ampliación das linguas dispoñibles ou incorporación de contidos multimedia para facer máis doadas as operacións), tanto no que se refire a Enova como no que atinxe á web corporativa de Caixanova.
A maiores, e sen saírmonos deste reconto de melloras, cómpre facer mención dun meirande abano de servizos xerais para os clientes da entidade: realización de traspasos entre fondos de investimento, transferencias periódicas, pago de seguros sociais e impostos, recibos de empresas, xestión de correspondencia, o compravenda de valores dende o teléfono móbil (Brokermóbil). Asemade, o portal tamén achega a posibilidade de solicitar avisos ao móbil e ao correo electrónico. Estas e outras ampliacións fixeron posible que en 2008 se levasen a cabo dende Enova uns 20 millóns de operacións (un 44% máis ca no exercicio anterior).
O servizo de caixa en liña de Caixanova supera os 200.000 clientes
Compartir Este Artigo

