Os videoclips, formato e máis xénero audiovisual, constitúen unha boa parte do alicerce da Sociedade da Información tal e como as coñecemos. Un exemplo coma calquera outro: o servizo YouTube, un dos de meirande éxito internacional entre os internautas, é coma un gran álbum dixital de videoclips que se renova cada día. A súa feitura acáelle á comunicación de hoxe coma un traxe á medida: é breve, ten pegada e reclama a nosa ollada. Asemade, a vixencia deste tipo de pezas vén de recibir un pulo coa socialización das ferramentas que permiten darlle forma a unha obra destas características sen saír do noso despacho. Festexar o pasado e o futuro deste formato e, de paso, albiscar por cales camiños se deixa enlear a era dixital da man do videoclip, é un dos grandes obxectivos da mostra que vai albergar A Coruña entre o 29 de xuño e o 4 de xullo e do que informa na súa web o Consello da Cultura Galega (incluíndo tamén as bases do evento en PDF). A conmemoración, que levará o nome do primeiro videoclip emitido pola MTV a principios de agosto de 1981 (Video killed the radio star), está organizada pola entidade Polyrock e concibida como un gran escaparate libre para a proxección colectiva e multitudinaria.
De feito, o evento contará cun itinerario de proxeccións nocturnas en emprazamentos de lecer da cidade. Por certo que o prazo para recepción dos traballos nesta primeira Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña (en formato DVD ou AVI e cunha duración menor aos 10 minutos) ficará aberto ata o 8 de maio. Segundo se fai constar nas súas bases, poderán presentarse vídeos gravados e montados como complemento de traballos discográficos de selos independentes ou ben producidos directamente polos mesmos músicos. O único que se pide en que estes sexan galegos. Asemade, poderán participar músicos (solistas ou grupos), selos discográficos, produtoras ou calquera empresas ou asociación vinculada ao eido da música independente.
A Coruña albergará este verán a primeira edición da gran festa do videoclip
Compartir Este Artigo

