Se a Sociedade da Información evoluciona que costa seguila, mudando dun día para outro, por que non ían a estar suxeitos a este proceso os modelos cos que se xestiona unha parte do que hai dentro dela? E, se hai taxas e impostos de por medio, gravando o acceso a contidos de todo tipo, non deben tamén adaptarse aos novos tempos e procurar unha maior marxe de consenso e visibilidade pública? Segundo conta El Economista facéndose eco dun informe elaborado polo ministerio de Administracións Públicas, este da renovación semella ser o camiño elixido para unha das vías empregadas polos entes de xestión dos dereitos de autor co fin de compensar polas copias aos seus membros: o cobro do polémico canon dixital. A idea proposta na devandita investigación estatal sería en certa maneira a de renovalo todo para que todo seguise igual, pero con algunha que outra diferenza que inclinase a balanza a prol do equitativo. Para comezar, privaríaselle ás seguintes entidades do cobro do canon dixital: SGAE, Cedro, Vegap, AIE, Dama e Aisge. Para cubrir este baleiro, poríase en marcha un organismo común de recadación que asumise as tarefas de cobro para logo repartir os cartos dun xeito máis conveniente, segundo se sinala no informe.
Isto, sublíñase na prensa especializada, tería unha primeira consecuencia positiva, e é a perda de poder da SGAE no que se refire ao control sobre o proceso de cobro, limitándoselle a marxe para os supostos abusos de poder dos que vén sendo denunciada por diversos sectores ao longo dos últimos anos. O informe, elaborado pola Axencia Estatal de Avaliación das Políticas Públicas e a Calidade dos Servizos, vai precisamente encamiñado a poñer máis orde sobre a contabilidade destas entidades de xestión: “Sería conveniente establecer un Plan Contable específico para estes entes, así como determinar a obriga legal de consolidar as súas contas anuais coas das sociedades controladas ou participadas”. Asemade, tamén se recomenda achegar as meirandes condicións de visibilidade pública ás contas anuais e ás tarifas da entidades a través do seu depósito nun rexistro que estaría controlado pola Administración.
O Goberno quere máis control sobre as entidades de xestión dos dereitos de autor
Compartir Este Artigo

