A comunidade internauta galega, malia os atrancos postos no seu camiño (escaseza de servizo de acceso á Rede, prezos elevados, falta de interese por parte das empresas e das institucións, etc), ten amosado en repetidas ocasións un bo entendemento coas faces da Web máis participativas e sociais. Exemplos disto son as fondas raizames do colectivo blogueiro galego (blogomillo), ou o ben que lle acaen servizos como Facebook á nosa condición de veciñanza espallada polo mundo (favorecendo esa Galiza mundial da que tanto se fala). Se cadra o que faltaba era unha ferramenta que compartindo algunhas das características do Facebook constituíse a nosa contribución ao panorama actual de redes sociais de amizade. Algo disto e máis hai en Cabozo.com, unha web que foi concibida hai máis ou menos un ano por un galego emigrado en Alemaña (Antonio Mariño) e que, tal como reflicte Vieiros nun completo repaso pola súa traxectoria, vén de superar hai pouco a liña dos 500 usuarios e usuarias rexistrados/as. Por certo que La Voz tamén deu conta o pasado mes de marzo das principais achegas desta proposta en liña.
O servizo, malia compartir algunhas das súas funcións con outras coñecidas propostas 2.0, ten unha serie de peculiaridades que poñen distancia con Facebook e compaña. Para comezar, é galega e, en troques de comezar como un gran negocio para unha chea de colectivos espallados por todo o mundo, púxose en marcha como algo pequeno e para unir a xente vinculada a Viveiro. O problema, ou a vantaxe, é que as visitas e as inscricións non paran de medrar, ao igual que as solicitudes de novos recursos a engadir aos xa operativos, como por exemplo a posta en marcha de grupos públicos ou privados. Segundo informa Vieiros, o servizo está a dar pasos firmes cara unhas condicións máis plenas de interactividade, incluíndo un taboleiro para deixar mensaxes a outros usuarios e un apartado de perfiles estendidos onde poderemos incorporar información detallada sobre o lugar onde vivimos ou os nosos gustos e tendencias persoais (por certo que a achega desta información apoiarase en boa medida no uso de vídeos que poderán ser visualizados mentres os internautas dan conta dos nosos datos persoais).
Novidades de interactividade na rede social galega Cabozo.com
Compartir Este Artigo

