Tendo en conta o difícil que é comunicarse co servizo de atención ao cliente das operadoras telefónicas e de servizos de acceso á Rede (persoal que che atende dende milleiros de quilómetros de distancia, tempos interminables de espera, ensaladas de números para premer co fin de que che vaian dando paso) e o caro que soe ser na maior parte dos casos (agás en Jazztel e nalgunha empresa máis), non é de estrañar que a cifra de incidencias solucionadas estea moi por debaixo do agardado. Segundo informa a web ADSL Ayuda unicamente chegan a bo porto o 42% das notificacións que os clientes achegan ás operadoras. Na investigación, tirada en parte de datos da Asociación pro Dereitos Civís Económicos e Sociais (Adeces), tamén se dá conta das empresas que ofrecen un meirande nivel de profesionalidade á hora de solucionar os problemas dos seus clientes, clasificación que está encabezada por Jazztel (cun 57% das incidencias atendidas a arranxadas), seguida de Telefónica (56%) e Ono (co 54%).
Por certo que estas cifras, que malia ser as mellores tampouco son motivo de festa para as empresas, compleméntanse na investigación cos parámetros que indican o tempo de resposta das compañías. Os datos máis positivos veñen da man de Ono e Telefónica, que adoitan a tardar 47 e 37 horas de tempo medio, respectivamente. A cousa pinta moito peor en Orange, onde semella que apostan pola postura de facerse agardar, se cadra para que o cliente saiba ben o que vale que che atendan: o seu tempo medio de resposta é de 176 horas.
As operadoras solucionan menos da metade das incidencias achegadas polos usuarios
Compartir Este Artigo

