Unha chea de negocios abertos en Internet, para que enganarnos, basean a súa estratexia a longo prazo nunha chamada na porta que non sempre chega. Referímonos ao arelado petar de cotelos da persoa que vén cunha maleta chea de cartos disposta a comprar todo o referente ao negocio. O problema e máis a vantaxe é que o ofrecemento non sempre chega, pero cando chega semella que o fai ao grande. Polo menos, así nolo fai ver o blog Income Diary, que recompila nunha das máis recentes entradas as trinta compras de espazos en liña que máis cartos teñen trasfegado ata o día de hoxe. A listaxe, que como máis ou menos era de agardar está encabezada pola multinacional por excelencia dos negocios da Rede, Microsoft (que mercou en 2007 a firma Aquantive pola cifra nada desprezable de 6.333 millóns de dólares), ten unha serie de sorpresas inesperadas para unha boa parte dos restantes postos, incluídos algúns dos máis altos. Por exemplo, o segundo e o terceiro, que están ocupados por operacións afastadas relativamente no tempo, de cando a Rede nin sequera era social propiamente dita, e son a compra de Broadcast.com por parte de Yahoo! o 1 de abril de 1999 (na que se moveron 5.700 millóns de dólares) e a adquisición no mesmo ano de Geocities por parte da mesma multinacional por un valor de 3.600 millóns de dólares.
Por certo que Broadcast.com foi unha das primeiras radios en liña que albergou a Rede e que, logo da súa incorporación a Yahoo!, comezou unha nova andaina como Yahoo! Launchast para música e Yahoo! Platinum para vídeo.
No que respecta aos restantes postos da listaxe, sinalar que a meirande porcentaxe das operacións desenvolvéronse hai ben pouco, concretamente en 2007, un intre de bonanza económica no eido da Sociedade da Información e inmediatamente previo á crise que actualmente semella que afecta a unha boa parte das empresas que máis orzamentos investiron en actividades diversas e en ocasións un pouco desordenadas de adquisición.
Dan a coñecer a listaxe das meirandes operacións de venda da historia da Rede
Compartir Este Artigo

