Fálase moito estes días de servizos de Rede social como Facebook ou Twitter, e probablemente estea ben que así sexa (de mediar as doses precisas de espírito crítico) pero é posible que en cuestión de capacidade informativa as dúas devanditas webs non teñan nada que facer perante Flickr. Esta comunidade en liña, da que xa temos falado polo miúdo nestas páxinas, basea unha boa parte do seu potencial en dous piares de máis que demostrada valía: a colectividade e o poder comunicativo da imaxe por riba de cuestións coma a información textual ou o vídeo. Segundo sinala Ramón Peco en Soitu, nada hai que impida a un internauta calquera facer unha foto de mérito, cousa que é ben diferente á hora de realizar un vídeo axeitado, labor moito máis complicada dende o principio ata o final. Asemade, hai moi pouca distancia entre o intre en que descobre ter feito unha boa imaxe e o intre en que decide amosala ao mundo: aí entra en xogo Flickr, facendo que os internautas participen na construción do gran álbum multitudinario dos acontecementos do noso tempo. E todo iso, sostén Peco, achegando a menor cantidade do principal elemento contaminante desta Sociedade da Información na que vivimos: a opinión.
Neste senso, o que prevalece é simplemente o dato comunicativo, tal e como se pode apreciar con acontecementos recentes como O terremoto de Italia, as protestas contra la reunión del G-20 en Londres a Semana Santa (no mundo e en España) ou, xa nun terreo máis próximo dende o punto de vista xeográfico, a catástrofe do Prestige ou mesmo os incendios forestais do verán de 2006.
Para o internauta de a pé e, tamén, para os medios informativos pequenos que coma o noso teñen que botar man do traballo de outros, as achegas documentacionais do Flickr son por así dicilo o máis semellante a un xornalismo independente e social, alleo ás condicións e puntos de vista impostos polas grandes canles. A fin de contas, quen escolle o que se publica e o que non é a propia comunidade de usuarios do devandito servizo. Estes son segundo Soitu algúns dos consellos máis importantes a seguir á hora de tirarlle o maior rendemento á rede social da imaxe por excelencia:
· Empregar o mapa de Flickr. Este recurso achega as máis populares etiquetas das fotos que se están a pendurar en cada intre. Decote, as etiquetas están directamente vinculadas a acontecementos actuais que se están a dar en todos os recantos do mundo.
· Procurar grupos. Se queremos afondar nunha cuestión en concreto que teña xa unha certa repercusión é moi probable que exista un colectivo de usuarios que centrara os seus esforzos en dar conta dela e posteriormente de unificar toda a súa documentación. Neste senso, no caso de non existir o grupo que buscabamos, unha das vantaxes que ten o servizo é a posibilidade de argallalo nós. A xuízo dos usuarios, poderemos levar unha boa sorpresa no que a capacidade de convocatoria se refire.
· Buscar imaxes con precisión. A ferramenta de busca avanzada permítenos seleccionar a data na que imaxe procurada se fixo ou se publicou.
· Facer procuras con unha ou varias palabras claves. Facer uso da lingua orixinal do dato, acontecemento, persoa ou lugar que requirimos é especialmente recomendable.
Flickr avanza terreo como fonte de información independente
Compartir Este Artigo

