Parece haber unanimidade sobre o feito de que o futuro da prensa está na Internet, polo que resulta rechamante que un estudo sosteña que só o 3% da lectura de xornais teña lugar na Internet, considerando que «as métricas da Internet esaxeran substancialmente a importancia da audiencia web dos xornais», aínda que para determinar tal cousa considérase que cada exemplar de prensa editado nos EE.UU. ten 2,128 lectores (2,477 os domingos) e que estes len unhas 24 páxinas, o que daría uns 87.100 millóns de páxinas impresas lidas ao mes, volume co que a web non podería competir, aínda que parece evidente que esta comparación non é moi xusta, xa que na Internet a medición de audiencias é moito máis precisa, e a lectura non é por páxinas senón por artigos soltos.
En minutos dedicados á lectura de prensa, os medios impresos tamén terían moito máis peso que as súas respectivas páxinas web, con só o 3% do tempo da súa lectura vía web. Amais, esta disparidade na atención captada polos distintos soportes serviría para xustificar que as webs cas cabeceiras de prensa non superen o 10% dos seus ingresos publicitarios, e mesmo poderiamos afirmar que a publicidade en papel resulta máis económica que a electrónica.
Estas informacións parecen contradicir a percepción que temos da prensa, polo que sería preciso un estudo máis fiable, co manexo de datos homoxéneos, que permitan facer un retrato fiel do que está a acontecer no sector da prensa, que está a vivir unha importante crise de modelo de negocio.
Un estudo sorprende ao soster que só o 3% da lectura de prensa corresponde á web
Compartir Este Artigo
