Apple vén de estrear en Alemaña a tenda de películas de iTunes, comezando cun catálogo dunhas 500 películas (entre norteamericanas e xermanas) das que 100 están dispoñibles en alta definición. Podemos atopar pezas de estudos como a Paramount, a Warner, MGM, a Disney, Sony e produtoras independentes; serían exemplos das mesmas Quantum of Solace, El Caballero Oscuro, High School Musical 3, La Conspiración del Pánico ou Keinohrhasen.
O interesante deste lanzamento estaría en que podería adiantar os prezos deste tipo de servizos para o resto de Europa, con aluguer de películas a 2,99 euros para os títulos de catálogo, 3,99 euros para as estreas e 1 euros adicional no caso de optar pola versión en alta definición. A compra dun filme de catálogo partiría dos 7,99 euros, 9,99 euros custarían as películas recentes e 13,99 euros as estreas.
Resulta curioso que os prezos en moitos casos superen aos das edicións en DVD, polo que non pensamos que a compra de títulos nesta plataforma vaia ser moi importante nun primeiro momento, aínda que o aluguer gañaría certo atractivo pola posibilidade de poder optar a versións en alta definición das estreas, o que agradecerán especialmente os que teñan un dispositivo Apple TV conectado ao seu televisor de alta definición, aínda que non falta quen estime que a alta definición de iTunes non supón unha mellora de calidade con respecto ao DVD por mor da alta compresión dos vídeos (e unha resolución limitada a 720p).
A iTunes alemá incorpora a venda e aluguer de películas
Compartir Este Artigo
