Pode que España non saliente en número de internautas nin de empresas con espazo na Rede, pero no que se refire a tráfico de lixo en liña, o país é tan crack coma calquera. De feito, segundo un dos estudos máis recentes de Symantec sobre quen achega máis correo malicioso á Internet, España está situado nun máis que meritorio (ou non) sexto posto, o que dispón á comunidade internauta española entre as máis activas do mundo en materia de delitos por Internet: a achega, máis polo miúdo, foi do 4% do pastel mundial. Isto, entre outras cousas, constitúe un incremento considerable respecto ás cifras dos anos recentes, o que confirma a teoría de que en materia de afianzamento das novas tecnoloxías, en España estanse a poñer o carro antes cás vacas. Ou sexa: que se incumpren as normas de xogo antes mesmo que haxa xogo. Máis concretamente o medre de 2008 en comparación coas cifras do ano anterior foi do 3%.
Con todo, hai xente que segue en cabeza, como os Estados Unidos, que seguen liderando a dubidosa táboa de lanzamento de programas maliciosos en liña, seguidos a curta distancia, iso si, polos chineses, que están a bater forte nisto do reverso escuro da Sociedade da Información (por algo é o país con máis número de internautas… e de habitantes). No informe tamén se reflicten outros datos, como a situación actual do eixe do mal informático, do que tan boamente forma parte España e que dun tempo a esta parte estase a desprazar cara a países en vías de desenvolvemento, que é precisamente onde hai máis man libre para este tipo de actividades. Por certo que no que se refire a correo lixo propiamente dito, o 5% destes refugallos que nunca deberían ter chegado ás nosas bandexas de entrada viñan dende dentro das fronteiras do estado español. Na imaxe, unha axeitada representación das consecuencias do malware vista no espazo de Sophos en Flickr.
España sitúase no sexto posto a nivel mundial en envío de correo malicioso
Compartir Este Artigo

