Internet cumpre con todos os requirimentos precisos para que a historia, labor que decote se lle denega a todos os que perden as contendas, sexa un eido de traballo universal. Neste senso de reaxuste para a participación sen atrancos (e tamén para a revisión dos libros e documentos que dan conta do pasado), é onde se insire unha iniciativa para a creación dunha base de datos na Rede que inclúa –entre outras cousas- a listaxe cos 4.000 mortos do franquismo da nosa terra. O traballo, que se agarda estea listo antes do verán, tamén incorporará as identidades de 10.000 represaliados e, paseniño (posto que se trata, coma un novo espazo social, dun traballo aberto en constante mantemento), a dixitalización de 15.000 documentos de toda índole vinculados de xeito directo á contenda: cartas de despedida, diarios, imaxes ou gravacións. Detrás do proxecto, apoiado pola Consellería de Cultura saínte, atópase un equipo de historiadores vinculados ás tres universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo). Os responsables deste inxente traballo de recuperación de nomes, vidas e feitos (activo dende 2006), está coordinado polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto.
Os froitos da investigación, informa estes días o xornal Que, iranse dando a coñecer aos poucos: a idea é facer uso da base de datos da Internet a presentar este verán para informar das consecuencias do conflito bélico entre 1936 e 1940, deixándose a información xerada pola represión ata a caída da ditadura (en 1977) para os vindeiros dous anos.
Sexa como sexa, o labor desenvolvido por este equipo de historiadores dende diversos recantos dos nosos campus xa hai tempo dá froitos na Rede. Por exemplo: a base de datos de Ourense xa accesible na Internet con datos sobre cada represaliado e posta en marcha polos investigadores Xulio Prada e Jesús de Juana. Estas e outras recompilacións de documentos pasarán, en breve, a formar parte da base de datos xeral galega.
Historiadores preparan unha base de datos sobre todos os represaliados galegos do franquismo
Compartir Este Artigo

