Os membros do departamento de I+D de National Geographic seguen a espremerse os miolos na procura de facer na Rede o que a dita publicación leva décadas facendo nas librerías en formato papel: ser un referente en materia de xornalismo sobre as marabillas do mundo. A situación, malia estar rifada, semella unha vez máis cousa de ver quen chega máis lonxe en sorprender ao lector que agora tamén é internauta. Este ingrediente foi incluído no novo servizo en liña que vén de presentar a revista National Geographic: a Fotografía Infinita. Como o seu propio nome indica, trátase dunha tentativa de crear o albume de imaxes sen fin e coa axuda das moitas posibilidades do dixital.
A achega en cuestión, que en mans dunha parella acabada de chegar da súa viaxe de noivos podería rematar no peor dos pesadelos para os seus amigos, constitúe unha montaxe de fotos seleccionadas en virtude de dous criterios fundamentais: o amplo potencial artístico da natureza e a defensa dos seus valores. A montaxe, que inclúe unha chea de fotos a xeito de puntos de cor, estrutúrase en base capas case infinitas de imaxes accesibles a través dun recadro amarelo no que teremos que cliquear co rato.
Ao parecer, segundo indica Cnet, estamos ante unha proposta dirixida a divulgar a ferramenta MyShot, unha das apostas da revista NG por abrise camiño na sociedade dixital de hoxe: a menos permisiva con toda aquela casa web na que non sen poda facer persoalmente unha parede, cravar unha punta ou dispoñer unha trabe. Dito doutro xeito, a idea de MyShot é contribuír a que os lectores de toda tamén sexan fotógrafos, e isto tanto para a revista en papel como para a versión en liña.
Segundo engade Cnet, arestora xa se está a tirar partido en Fotografía Infinita de arredor de 300.000 pertencentes aos arquivos de National Geographic, imaxes que dan forma final ao descomunal mosaico. O servizo, que como dixemos permítenos ampliar ata o infinito este tecido gráfico, semella que vai ser o comezo de algo moito máis grande, e segundo fontes de NG nin sequera se pode considerar como algo rematado. O que se sabe polo de agora é que esta primeira versión da ferramenta Fotografía Infinita será en breve sometida a continuas ampliacións e melloras. No temático, a Terra en si mesma deixará a única protagonista para deixarlle sitio a futuras versións apoiadas na auga, as árbores e os animais.
National Geographic presenta un mosaico infinito de imaxes sobre a Terra
Compartir Este Artigo

