A Rede, de tan grande, parece ter cada día menos sitio. Isto que semella unha contradición é a primeira e gran consecuencia dunhas condicións de mercado, as da Rede, especialmente competitivas. Dito doutro xeito: o xogo empresarial por abranguer ollos que che vexan é cada día máis duro. Con todo, que ninguén se desanime: é posible conseguir audiencia sen grandes cifras de por medio. Os ingredientes segredos son os de costume, innovación e coñecemento. Estas e outras pezas en xogo son as que veñen de levar á empresa galega Quobis Networks a converter os seus traballos sobre tecnoloxía WiMAX nos máis demandados de toda Rede. Máis polo miúdo e segundo informa a Tecnópole (o complexo empresarial que dá acubillo ao laboratorio técnico de Quobis), o éxito veu dado por un informe técnico sobre a devandito acceso á Rede sen fíos, posto ao alcance da man da comunidade internauta como libro dixital e arestora ocupando o primeiro lugar na listaxe de obras máis demandadas sobre o tema.
Por certo que o interese xerado por esta investigación (titulada WiMAX: a revolución inalámbrica… e móbil!) xa motivou, entre outras cousas, que a empresa galega fixese pública a segunda edición da mesma.
A primeira, engade a Tecnópole, foi lanzada pola firma galega en 2006 e dende aquela foi quen de converterse en “documento de referencia sobre esta tecnoloxía, con máis de 10.000 descargas dende a páxina web da compañía e múltiples citas en artigos técnicos e revistas especializadas do sector”. O informe técnico, desenvolvido en 80 páxinas, inclúe entre outras cousas estudos completos sobre os fundamentos de WiMAX, as novidades introducidas na súa versión móbil, consideracións regulatorias sobre o uso do espectro radioeléctrico e unha escolma de exemplos de aplicación práctica deste tipo de acceso á Rede cumprimentados con éxito. Por certo que o informe segue dispoñible para descarga na páxina web da empresa.
Cómpre lembrar que WiMAX é unha tecnoloxía de comunicacións sen fíos que mellora e complementa as capacidades da tecnoloxía Wi-Fi, de forma que é capaz de prover de conectividade a internet en grandes áreas de cobertura, estando especialmente indicada para zonas rurais ou con alta dispersión xeográfica, como é o caso de Galicia.
Unha firma da Técnopole, responsable do libro en liña sobre WiMAX máis demandado
Compartir Este Artigo

