Un equipo de alumnas do terceiro curso de administración na empresa da Escola de Negocios Caixanova vén de obter a clasificación para a final do certame Deloitte Business Game 2009. Esta actividade, a medio camiño entre o real e o virtual, consiste en achegarlle á mocidade as condicións máis semellantes a un reto de empresa pola vía dun xogo de simulación. O xogo, promovido precisamente pola consultora internacional Deloitte, está dirixido a completar a formación práctica dos universitarios españois. Por certo que na súa segunda convocatoria, xa participaron máis de 300 estudantes de todo o territorio estatal.
En virtude da devandita clasificación, o grupo de estudantes galego (o equipo Escarlata), integrado por cuatro alumnas e un profesor, terá que competir durante tres días cos outros tantos catro equipos finalistas dentro da modalidade de consultoría estratéxica.
A final, que se celebra a partir de mañá mércores, inclúe unha serie de enfrontamentos dos finalistas perante casos práticos de negocios que serán sometidos á supervisión e valoración dun xurado constituído por profesionais da consultoría organizadora.
Máis polo miúdo, informa Caixanova, o xogo de empresa consiste en resolver un reto de mercado en base a catro categorías: consultoría estratéxica, consultoría tecnolóxica, análise financeira e transaccións e asesoramento fiscal e legal.
Un equipo de alumnas da Escola Caixanova chega á final do simulador empresarial de Deloitte
Compartir Este Artigo

