Seguimos a falar de tecnoloxías sen fíos, desta volta a través dun dos seus meirandes impulsores en España, sobre todo na súa vertente máis social e participativa e sen renunciar ao empresarial: Martín Varsvasky, responsable de Fon. Pois ben, cómpre sinalar que dende hoxe xa está no mercado a nova versión do seu router Wi-Fi e polo prezo de 49.95€. O aparello, chamado agora Fonera 2.0, inclúe un sistema operativo Linux como motor cen por aberto para que os usuarios o adapten ás necesidades que lles son propias. Asemade, incorpora entrada USB, opción de acceso a Internet a través dun módem 3G conectado ao devandito porto USB, Ethernet ou posibilidade de compartir a impresora/as por medio do Wi-Fi. O trebello, avaliado polo miúdo xa polas principais webs de banda larga, gadgets e demais (en bandaancha ofrécese un exame polo miúdo do sistema, en boa medida espallado e con extras grazas á insistencia dos lectores a pé de reportaxe), é a xuízo do seu principal responsable, Martín Varsavsky, un receptor das moitas demandas dos usuarios de Fon perante a primeira e aínda incompleta versión do router.
Neste senso, di, rematou por constituír un produto que tenta solucionar a maior cantidade posible das queixas achegadas. A xuízo das comunidades web que xa lle están a dar uso, un dos seus puntos fortes é a opción de tirar partido directo das arestora máis polémicas que nunca redes abertas P2P (as que permiten compartir películas e cancións a esgalla), de aí que inclúa a opción de empregar un cliente destas características para descargar a un disco duro conectado á fonera mentres o computador está apagado. O Fon 2.0, que vale para calquera tipo de conexión (mesmo se lle pode conectar algún módem 3G e compartir esa conexión Wi-Fi), semella desenvolvido para chegar ao eido de internautas máis amplo posible.
Varsavsky dá a coñecer a Fonera 2.0
Compartir Este Artigo

