Os xeitos de vida dos nenos e rapaces de hoxe en día son cada vez máis sedentarios, e contra iso pouco se pode facer se lles enche o lugar onde viven de elementos que non contribúen a acadar maiores cotas de actividade. Por exemplo: un computador a tempo completo, aparello que como todo o visible e o invisible que nos rodea e sen excepción, ten cousas positivas sempre e cando non nos pasemos coa dose. Se a iso lle engadimos os factores xogo e evasión, ao alcance da man de mediar un ordenador, entón témola clara. Segundo sinala Elpais.es nun estudo sobre condutas aditivas en mozos/as feita a través de datos de centros hospitalarios, non paran de medrar os casos de adolescentes ingresados ou a tratamento por comportamentos patolóxicos ligados aos xogos de rol accesibles a través de equipos informáticos en rede. O perfil, sinálase no informe, é o dun rapaz de entre 14 e 16 anos que dedica máis de seis horas ao día a xogar, sempre de noite, e que adoita a experimentar crises de ansiedade (en algúns casos case severas) en canto se lle priva da posibilidade de estar en liña.
Por certo que nunha boa parte dos casos, este problema de adición soe desencadear problemas de agresividade cara aos familiares. Os xogos máis requiridos por este tipo de adolescentes son, entre outros, World of Warcraft ou Tibia, propostas para participar en liña, xerando grupos, e que esixen dedicación diaria. No devandito estudo tamén se dá conta do que poden acarrear, cara ao propio rapaz (que en certos casos pode chegar a xogar 25 horas semanais) e o seu contorno o feito de levar a conduta ao extremo: comportamentos propios dun adicto ás drogas ou a outro tipo de xogos tradicionais, como por exemplo negación do problema, perda do control ou desconexión total coas obrigas e coas ligazóns do seu contorno máis inmediato. Mesmo se teñen localizado casos de rapaces que rouban datos bancarios dos familiares para poder seguir mantendo o ritmo de xogo.
Medra o número de mozos adictos aos xogos de rol en liña
Compartir Este Artigo

