
A maiores, e segundo contaron as propias compañías e se fan eco medios como a web do PEGSI, a idea básica é non ir alén dese prezo proposto, co que estaríamos a falar dun servizo que, polo menos no plano económico, non sería moi diferente do ofrecido nas cidades. Outra cousa é o propio contido interno do servizo, que si que andaría un algo por debaixo en cuestión de megabytes ofrecidos.
Con todo, indican os seus responsables, “trátase dunha alternativa que mellora o ofertado anteriormente para o rural galego”, un amplo espazo xeográfico que, principalmente polo desleixo das grandes empresas que achegan servizos de rede (ao non atopar, sosteñen, demanda abonda para xustificar o investimento en instalación de equipos), vén ficando ata o de agora, con maiores ou menores diferenzas, nunha franxa de escuridade dixital. Por certo que segundo as compañías responsables deste servizo por satélite do que estamos a falar, en Galiza a área que queda totalmente a contrapelo do acceso á Rede vai alén do 9% do territorio.
Volvendo ao servizo achegado polas dúas empresas, dicir que amais da cota mensual serían precisos outros importantes investimentos previos para poder recibir a rede, concretamente para habilitar e poñer en marcha unha antena (de 80 centímetros) e un módem, que roldarían os 390 euros máis instalacións. As dúas firmas, durante a súa estancia en Compostela, deron a coñecer datos sobre o seu volume de clientes en Europa: arredor de 40 mil, especialmente localizados en países como Francia e Alemaña. Por certo que os servizos que ofrecen SES Astra e NET2 veñen dados en virtude dun acordo recente entre ámbalas dúas partes: por medio del, NET2, que conta cunha rede de instaladores de telecomunicacións por toda España, asumirá o labor de distribuír o servizo de banda larga por satélite de SES Astra por toda a Península e Baleares, “facilitando o acceso á Internet de banda larga a calquera fogar ou negocio independentemente da súa localización e das infraestruturas existentes”.
Santiago acolleu a presentación dunha nova alternativa para levar rede de banda larga ao noso rural
Compartir Este Artigo

