Portugal vai ao seu ritmo no cambo da tecnoloxía analóxica pola dixital en materia de televisión, tanto que case de podería dicir que o país irmán vai un par de corpos por detrás na carreira a prol da implantación da TDT. En boa medida, do que se trata é dunha medida voluntaria do Goberno, que retrasou a data de desconexión analóxica ata 2012 para, con case total probabilidade, non poñer o tellado antes cós alicerces. Dito doutro xeito: a situación tecnolóxica de Portugal require doutras iniciativas con maior urxencia. Segundo se sinala en Silicon News e en medios como Vnunet, o feito de adiar o paso dunha tecnoloxía a outra posibilitaralles aos nosos irmáns meirande marxe para unha máis axeitada implantación da TDT.
As previsións de Portugal Telecom, a principal operadora do país, son de que a cobertura dixital chegue ao 80% do territorio antes de que remate 2009 (sendo os prognósticos de España os de acadar porcentaxes próximas ao 100%). Portugal, que deu comezo hoxe mesmo ás primeiras etapas do apagamento, non semella salientar positivamente en materia de prezos por descodificador, oscilando arestora unha boa parte da oferta entre os 50 e os 150 euros, un custe que nin sequera está ao alcance dos petos do groso da cidadanía dos países máis ricos do continente, polo que case é de agardar que unha boa parte da sociedade do país irmán tamén aposte por adiar o chimpo á TDT. Con todo, o proceso xa comezou, e a día de hoxe aplicouse o apagamento en dez localidades do país, entre as que se atopan os arquipélagos de Açores e Madeira.
Portugal dá comezo ás primeiras fases do apagamento analóxico
Compartir Este Artigo

