A Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) ten entre os seus obxectivos o de procurar e incentivar talentos entre a mocidade para o tecido económico dixital do noso futuro máis inmediato. Nesta liña precisamente é onde se insire a actividade que organiza este martes día 5 no IES Camilo José Cela de Padrón, unha charla sobre o proxecto Des-féndete que contará coa presenza de Luz Castro (Imaxin) e Daniel Cerqueiro (Galinus), ámbolos dous membros da directiva de EGANET. O encontro, que se desenvolve a partir das 12.45 horas baixo o epígrafe Adaptación dos perfís profesionais, unha demanda do sector TIC, consistirá basicamente nun encontro coas rapazas e rapaces do dito centro educativo co obxectivo de facerlles saber as necesidades do sector na nosa terra e a natureza dos proxectos das empresas que os relatores representan.
A iniciativa Des-féndete (que precisamente se abre coa charla de Padrón) ten como principal finalidade chamar a atención sobre unha fenda, a dixital, que non é só iso senón moitas cousas máis: humana, social e económica. A idea básica é mobilizar á sociedade galega dende os seus alicerces para amañar os graves problemas de acceso da cidadanía á Sociedade da Información, tanto nas telecomunicacións como no seu coñecemento e uso.
Para EGANET, sinala a organización tecnolóxica galega nun comunicado, precísase de intervención para arranxar estas eivas, e de aí que a iniciativa que se presenta mañá en Padrón teña a mocidade, sociedade activa do mañá, no seu punto de mira.
Entre outros moitos temas, o encontro de Padrón servirá para tocar cuestións como a crenza de que para traballar no sector TIC hai que ser técnico ben en Informática ben en Telecomunicacións (que para EGANET é unha crenza totalmente falsa), ou casos concretos de éxitos e obxectivos acadados dentro do uso práctico destas ferramentas.
EGANET reúnese este martes coa mocidade de Padrón
Compartir Este Artigo

