No camiño da Internet máis accesible (nos aspectos técnico e monetario), un vieiro non transitado por todas as empresas que deberían, a firma Verizon podería estar en proceso de deseño dun interesante feixe de servizos para toda aquela persoa que acredite ser a súa subscritora. A idea, tal e como se sinala en Wall Street Journal (información da que se fai eco A vida Wi-Fi), é brindarlles rede sen fíos de balde en todos os puntos de conexión de banda larga. A proposta, que como tal aínda está en preparación, incluiría para a súa posta en marcha unha alianza (coa firma Boingo) e unha data de comezo de servizo aínda suxeita a cambios: este verán.
A iniciativa, que non é nin moito menos desinteresada (Verizon ten que seguir botando combustible na súa maquinaria), vai dirixida a tirar partido da presenza xa de por si notoria dunha tecnoloxía que non para de medrar en número e máis en calidade: a dos teléfonos duais e os portátiles con opción de acceso á Rede.
Como dixemos, tería a súa disposición a rede de acceso Wi-Fi de Boingo, o que non é nin moito menos un remedio caseiro e local para metérmonos na Rede: a infraestrutura da compañía de Sky Dayton (fundador de Earthlink) abrangue neste intre a máis de 100.000 núcleos de poboación de todo o mundo. Por certo que Boingo, xa que falamos de empresas que non sangran aos seus clientes en materia de conexións, ofrece a día de hoxe servizos Wi-Fi en aeroportos e locais hostaleiros de Estados Unidos por valor de 9,95 euros ao mes.
Verizon podería ofrecer Wi-Fi de balde aos seus subscritores
Compartir Este Artigo

