Din os expertos que innovar non é unha tarefa doada, máis non cabe dúbida de que é un factor moi importante e decisivo para o éxito de calquera empresa se se leva a cabo con perseveranza e seriedade. Isto require, por unha banda, marcar os retos da organización e analizar as súas fortalezas e debilidades e, por outra, comprender a evolución do entorno analizando aos competidores e identificando aos mellores socios ou aliados da entidade, entre outras moitas actividades.
Para innovar con éxito tamén é necesario detectar a aparición de novas tecnoloxías, normas e lexislacións e isto é, precisamente, o principal obxectivo do vindeiro curso que levará a cabo FEUGA en Santiago de Compostela os días 18, 19 e 20 de maio.
O evento vai dirixido a directores, técnicos, profesionais, investigadores, consultores auditores… que traballen ou estean interesados na área de I+D+i de calquera empresa, e concretamente, na área de vixilancia tecnolóxica.
Entre outras cousas, os asistentes ás vindeiras xornadas que organiza FEUGA en colaboración con AENOR, poderán entender a vixilancia tecnolóxica como unha ferramenta de innovación básica para a identificación, obtención sistemática e análise das informacións críticas do entorno así como coñecer as chaves para a implantación dun sistema de vixilancia tecnolóxica aplicando os requisitos da Norma UNE 166006:2006.
A cita, que tamén vai ser de especial interese para aquelas empresas que levan a cabo actividades de I+D+i, centros tecnolóxicos e organismos de investigación públicos e privados, precisa de incrición previa e ten un coste de 450 euros de matrícula, dos cales FEUGA subvenciona o 60 por cento do seu custo real.
A data límite para inscribirse nesta actividade é o 11 de maio e os socios de FEUGA e AENOR, así como das empresas do CEDE FEUGA, gozarán dun 10 por cento de desconto. O prezo inclúe a documentación, os cafés e un certificado de asistencia, así como a Norma UNE 166006:2006 EX Xestión da I+D+i: Sistema de Vixilancia Tecnolóxica, que cada alumno recibirá totalmente de balde.
FEUGA expón en Santiago as vantaxes da vixilancia tecnolóxica para innovar con éxito
Compartir Este Artigo

