Co principal obxectivo de achegar a votantes e candidatos (e de paso reducir a alta abstención que caracteriza ás eleccións europeas), a cadea de información Euronews e a popular páxina de contidos audiovisuais en liña YouTube, veñen de unir forzas para crear a canle Questions for Europe (Preguntas para Europa) na que os cidadáns interesados poderán colgar vídeos coas súas preguntas para os candidatos en nove idiomas: español, inglés, francés, alemán, portugués, italiano, árabe, ruso e rumano.
A iniciativa, que comezará a funcionar a finais desta semana e se prolongará ata o vindeiro 3 de xuño, vai dirixida aos máis de 375 millóns de cidadáns de 27 países, que están chamados ás urnas o vindeiro día 7 de xuño.
Os vídeos coas preguntas máis interesantes recibidos na canle de YouTube habilitada para tal fin, serán seleccionados por Euronews para plantexarlle as cuestións directamente aos candidatos, así como tamén a portavoces, xornalistas ou expertos na materia concreta. Ao final de cada boletín informativo desta cadea (que se emiten cada media hora) os responsables derán resposta a cada unha das preguntas plantexadas.
Segundo vén de afirmar o responsable de comunicación e relacións públicas de YouTube, Aaron Ferstman, “grazas a Internet vaise ampliar o diálogo dende os cidadáns de a pé ata os membros do Parlamento Europeo”, algo moi necesario sobre todo tendo en conta que, en palabras do director de Euronews, Michael Peters, “á xente non lle gusta a UE”.
Gústenos ou non, o caso é que ambos responsables fixeron fincapé na independencia deste proxecto, que non depende de ningunha institución comunitaria, e sinalaron que “ningún tema será tabú”.
John Davis presenta a nova canle de YouTube
Creada unha canle en YouTube para propoñerlles preguntas aos candidatos ás eleccións europeas
Compartir Este Artigo

