
Tendo en conta isto, o sector das novas tecnoloxías é un sector que afecta a todos os demais, de xeito positivo, ao posibilitalos para mellorar o diálogo con socios e clientes, a súa imaxe e xestión e, tamén, a súa produtividade. “As novas tecnoloxías da información”, subliñou Cebreiros, “chegaron á nosa sociedade para ficar e convertéronse a maiores nun eido económico específico, estratexicamente rico en novos modelos económicos e redes sociais, e incluíndo unha gran particularidade: a do seu marcado carácter transversal”. Ademais de salientar esta condición das empresas do dixital para mellorar, case de xeito inevitable, a totalidade do contorno produtivo no que se insiren, Cebreiros fixo fincapé na importancia que xogan as novas ferramentas da comunicación para o desenvolvemento económico de calquera país, sen que o noso sexa unha excepción, e máis para unha xestión moito máis rendible dos recursos dispoñibles e unha meirande optimización dos procesos postos en xogo.
Da mesma maneira, o presidente de Ineo quixo sinalar que se trata dun tecido moi dinámico e con grandes potencialidades para xerar emprego. Neste intre, dixo, o sector TIC galego é un sector forte abondo, consolidado e cunha imaxe de marca que representa o 6,7% do Produto Interior Bruto (PIB), estando a maiores en disposición de compatibilizar o seu medre económico coa creación de postos de traballo de calidade. “Trátase dun eido, o dixital, que non está a contribuír á destrución de emprego e que colabora, de xeito moi activo, co desenvolvemento sostido de Galicia, xerando un maior benestar, igualdade e cohesión social do territorio e da cidadanía”, manifestou, facendo referencia directa aos datos sobre o estado das nosas empresas TIC do informe Ineo 2008 Análise dos factores de competitividade do sector TIC galego, publicado recentemente pola asociación tecnolóxica.
Para Cebreiros, non hai dúbida algunha sobre un feito máis que visible: o tecido dixital da nosa terra teno arestora todo ao seu favor, sendo, hoxe por hoxe, un dos sectores con maior potencialidade á hora de achegar beneficios a todos os restantes, amais de a si mesmo. Ao seu xuízo, as empresas TIC galegas están xa capacitadas para avaliar e axudar ás demais e detectar que melloras poden realizar estas para seren máis competitivas no seu labor diario, usando e adaptando as novas ferramentas ás súas propias necesidades, vantaxes que, por se o devandito fose pouco, tamén poden ser aplicadas en toda a súa integridade no ámbito das administracións públicas.
“O sector TIC representa hoxe unha mostra de innovación continua”, puntualizou, “e na nosa terra existen arestora empresas de base tecnolóxica que son o reflexo do carácter creativo e emprendedor dos galegos e que se teñen convertido en referentes no resto do Estado e, tamén, nos escenarios internacionais”.
Por certo que o acto organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia co fin de darlle a coñecer ao novo Goberno da Xunta os seus obxectivos e propostas para superar o actual parón económico no que desenvolven a súa actividade celebrouse recentemente en Compostela, no seu Palacio de Congresos e Exposicións, nun acto que (entre outras cousas) serviu para elaborar un documento final coas devanditas medidas achegadas, incluídas as da entidade Ineo, que se lle fará chegar ás distintas administracións implicadas na marcha da economía. O obxectivo disto: que estas teñan o máis claro coñecemento do estado do tecido produtivo galego e das accións a tomar para frear a súa caída. Ademais do sector TIC, no encontro estiveron representados o resto dos eidos estratéxicos integrados na estrutura empresarial galega: Comercio, Téxtil e moda, Siderometalurxia, Construción e promoción inmobiliaria, Produtos do mar, Turismo e Hostalería, Agroalimentario e forestal, Loxística, transporte e distribución e Formación e recursos humanos.
Ineo trasládalle ao novo Goberno galego as súas propostas para superar a crise
Compartir Este Artigo

