A celebración da nosa cultura non é cousa duns poucos. Acáelle mellor, coma toda cousa que esixe comunicación (e a cultura esíxea) á participación colectiva. E canto máis colectiva mellor. Neste senso, calquera tecido de emprazamentos sociais espallados por unha xeografía concreta (abertos para toda a cidadanía e estreitamente ligados entre si) presenta por forza un amplo potencial para festividades de toda índole vinculadas ao coñecemento. Así o entenden os responsables da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que, tocándolle a esta tan de preto a festividade do 17 de maio (Día das Letras Galegas, Día de Internet, Día das Telecomunicacións), están a mobilizar xa todos os recursos dispoñibles para unha festa colectiva de amplo alcance. Dito doutro xeito: unha iniciativa que se apoia nunhas posibilidades de convocatoria e promoción multiplicadas, as duns centros físicos presentes arestora en 70 dos nosos concellos, conectados entre si e entre si co mundo enteiro.
O programa de actividades promete ser amplo, tanto como é a propia Rede. Para ir avanzando terreo, e segundo datos achegados estes días dende a web da mesma, damos conta xa de algunha que outra das iniciativas ultimadas:
· En Boborás poñerase en marcha As Letr@s Galeg@s na Rede, unha iniciativa que aspira a fomentar o uso da nosa lingua no ámbito das novas tecnoloxías, coñecer algo máis sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro e fomentar a participación da poboación. O programa desenvólvese do 4 ao 29 de maio.
· No centro de Castrelo de Miño abriuse un blog que, ademais de fomentar o uso da lingua na Rede e a participación cidadá, pretende recompilar palabras e ditos xa esquecidos. A bitácora abriuse o 8 de maio e seguirá a recoller contidos ata o 31 de maio, cando se elixirá a palabra ou dito máis orixinal.
· En Caldelas ideouse a iniciativa Adiviña Cal-del@s!!, un concurso coa participación de cinco asociacións da comarca por grupos de seis a sete persoas. Nunha primeira parte, cada grupo coñecerá o funcionamento dos buscadores de Internet e da mensaxeiría instantánea, para despois conectárense, no segundo día, co Centro Comarcal Terra de Caldelas e adiviñar determinados aspectos de Galicia mediante preguntas que só se poidan responder cun si ou cun non. O grupo que acerte en menos tempo gañará un lote de artigos da Rede de Dinamización. Será do 12 ao 29 de maio.
· A proposta do Centro de Dinamización de Poio chámase Enréd@-t muller. Trátase dun obradoiro dirixido a mulleres en risco de desvantaxe social por careceren de coñecementos informáticos. Ás asistentes entregaráselles a guía Que pode facer internet por min e como. Cada día do obradoiro traballarase un tema diferente das fichas que se inclúen na guía. O obxectivo é acadar a igualdade de xénero na Sociedade da Información.
· En Sada púxose en marcha 2.0 en internet, unha proposta dirixida a crear, compartir e xerar contido na rede. Cada persoa usuaria do centro de dinamización colaborará cunha achega persoal relacionada coas Letras Galegas. As colaboracións subiranse ao blog da aula de Sada. Tamén se desenvolverán obradoiros para fomentar a participación.
Centros da Rede de Dinamización de toda a nosa xeografía súmanse á festa das letras
Compartir Este Artigo

