A Mesa pola Normalización Lingüística vén de habilitar na súa web un espazo para favorecer a adhesión directa ao Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego. A campaña, que xerará nos vindeiros días diversas mobilizacións e recollidas de apoios en diferentes recantos da nosa xeografía (como por exemplo a manifestación organizada para unha data simbólica: o 17 de maio, Día das Letras Galegas), responde en boa medida ao anuncio do vindeiro Goberno autonómico de limitar no eido da educación a presenza da nosa lingua e, tamén, á liña de traballo despregada por asociacións como Galicia Bilingüe, para quenes está claro que se algún idioma hai que defender en Galiza é precisamente o que máis se asenta, o castelán.
As persoas ou entidades interesadas en participar dende Internet na campaña, poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo amesa@amesanl.org ou ben a través do servizo postal tradicional ao enderezo que figura na páxina web da Mesa.
Asemade, pódese achegar a adhesión ao manifesto de maneira directa: enchendo no sitio en liña os recadros dos datos persoais habilitados para tal efecto.
A maiores, permítese dende a páxina a descarga do propio documento en diferentes formatos para contribuír deste xeito á recollida de sinaturas a título individual.
A Mesa anima á comunidade internauta galega a unirse ao seu manifesto pola lingua
Compartir Este Artigo

