Malia que practicamente todo o que leva desenvolvido a Rede de Dinamización dende a súa posta en funcionamento (hai agora dous anos) foi dirixido a conmemorar o binomio Internet+cultura galega, cada mes de maio os centros integrantes deste tecido tecnolóxico espallado pola nosa terra collen novos folgos para conmemorar a dupla festividade do 17 (Día das Letras Galegas e Día de Internet) e insistir unha vez máis na cuestión: se estar en Internet nos favorece, nós tamén lle debemos dar a Internet a boa parte que lle corresponde de galeguidade. Neste camiño de salientar as vantaxes de múltiple dirección de estarmos na era dixital é onde se insire a terceira edición do Concurso de iniciativas convocado pola Rede de centros galegos co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías no noso idioma. A idea básica, unha vez máis, é a de animar aos dinamizadores integrantes da iniciativa a presentar proxectos conmemorativos da devandita festa nalgunha destas categorías: empresa, muller, maiores, persoas con discapacidade, asociación, poboación en xeral, e software libre.
Segundo informa a Rede e se fai eco o Centro Mancomún, na categoría de software libre hai unha iniciativa presentada pola dinamizadora do Centro de Pontevedra co título Papiroflexia. O obxectivo é a promoción de diferentes formas de lecer na mocidade a través da aprendizaxe do software libre…
Nesta actividade propónselle aos participantes que, durante o mes que dura a actividade, creen unha videomontaxe con figuras de papiroflexia empregando para iso distintas ferramentas libres.
Na primeira semana aprenderán a facer as figuras a través da procura de información nos buscadores de páxinas Web e portais de vídeo. Os seus traballos, asemade, quedarán publicados en diferentes ferramentas de Internet (blogues, portais de vídeos, páxinas Web, …), para o que deberán escanear as súas figuras e retocalas co programa de retoque fotográfico GIMP.
Na segunda semana, escribirán unha historia co procesador de textos Writer e logo gravarán coas súas voces a historia empregando o programa Audacity. Tamén empregarán a cámara dixital para fotografar os seus traballos e volverán a utilizar o GIMP.
Na terceira semana, buscarán en Internet música libre (sen dereitos de autor) e iniciaranse no emprego de creación de vídeo a través do programa Kdenlive.
A cuarta semana, estará dedicada aos retoques do conto da videomontaxe e recibirán unha charla sobre os perigos de Internet así como consellos para empregar ben esta ferramenta para sacarlle todo o proveito utilizando como exemplo páxinas web creadas para eles.
A Rede de Dinamización convoca un novo concurso de iniciativas para conmemorar a festa dupla do 17
Compartir Este Artigo

