The License Machine, división do grupo Panini, anunciou que vai lanzar para Europa un evento web extraordinario consistente na difusión da serie de animación FullMetal Alchemist Brotherhood a través de YouTube (e as páxinas web de canles asociadas) a partir deste sábado, con vídeo en alta definición e subtítulos en 10 idiomas diferentes. Durante a primeira semana desta iniciativa iranse publicando os primeiros 7 episodios da serie e, a partir do 27 de maio, publicarase un episodio novo por semana só 3 días despois da súa programación na televisión xaponesa.
FullMetal Alchemist Brotherhood é unha revisión da serie de animación FullMetal Alchemist, aínda que buscando unha fidelidade maior á serie de manga orixinal (pois o anime adiantou en ritmo de publicación ao manga, o que provocou unha bifurcación argumental a partir do episodio 25).
Resulta moi rechamante este lanzamento a través de YouTube, e será interesante ver se outras series seguen os seus pasos nos vindeiros meses.
A serie de animación FullMetal Alchemist Brotherhood estréase este sábado en YouTube
Compartir Este Artigo
