Hai certames que premian en positivo, e outros, coma cabazas ben envoltiñas, en negativo. O que ten mérito non é só ser obxecto dun galardón que recoñece o esforzo que despregaches en facer mal as cousas, senón ter os azos de recibilo oficialmente. E agora que a festividade dupla das nosas letras e da Rede xa se albisca ao lonxe (o 17 de maio), nada mellor que ir preparando o camiño para sinalar co dedo dende a Rede todo aquilo que non se fixo a prol da nosa lingua, ou que se fixo para amolala, ou que se fixo ben. Nisto, e máis en achegar un pouco de independencia onde todo soa un pouco a oficialidade e máis a corrección política, consisten os Premios Antilingua, que agora chegan á súa segunda edición da man da web Galicia Profunda. E xa que se trata tamén de condecorar en clave positiva, os responsables do espazo en liña tamén presentan o Galardón Galego de Pro, unha estrea en toda regra no eido dos certames culturais e que vai dirixido, ao revés có anterior, a salientar os persoeiros, institución ou colectivos que máis decididamente traballan para defender o galego.
“Con estes premios”, sinalan os organizadores, “queremos tratar de ver os camiños que non hai que seguir para que non se perda unha lingua como a galega, que cada día conta con menos falantes, sobre todo entre as novas xeracións”.
Como dixemos, detrás desta iniciativa dupla está Galicia Profunda, quen por certo non quere renunciar ó potencial de participación da nosa comunidade blogueira (blogomillo) á hora de facer os labores de xurado activo.
Deste xeito, serán os propios blogueiros e blogueiras os que voten e dean a súa opinión sobre o que pasa co galego. “Calquera pode propoñer candidatos”, engaden, “xa que se trata dunha votación aberta e dun proceso colectivo de decisión”.
Segundo informa a web Galicia Profunda, entre os candidatos a levar o Premio Antilingua Galega do 2009 atópanse, entre outros, o goberno de Feijoo, por anunciar a derrogación do decreto do galego no ensino; o Hospital Juan Cardona de Ferrol, por discriminar os galegofalantes; as FAES, polo seu informe cualificando o informe de normalización do galego de “extravagancia“; a UPyD, por vincular o fracaso escolar co ensino do galego e a aqueles que, dun xeito violento, atacaron a manifestación de Galicia Bilingüe en Santiago, dando a entender para moitos que a defensa do galego se fai dende a radicalidade e non dende as ideas, o respecto e a tolerancia.
Doutra banda, entre os propostos para acadar o premio Galego de Pro esta a empresa R, por normalizar o uso da nosa lingua nun ámbito como o das telecomunicacións; a xuíza Ana López-Suevos, por usar o galego na Xustiza, un dos ámbitos no que menos presenza ten; o galeguista Avelino Pousa Antelo, pola súa defensa e enerxía coa nosa lingua; Xosé González, coñecido como “Pepe o de Redondela”, por poñer en marcha iniciativas como Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística ou a iniciativa Mil festas máis para a lingua galega.
As votacións estarán abertas ata o 15 de abril, data na que se darán a coñecer os gañadores.
O blogomillo elixirá os galegos que máis fixeron pola súa lingua… ou menos
Compartir Este Artigo

