O xornal galegoVieiros.com está a centrar estes días unha boa parte da súa actividade de divulgación na figura do ensaísta e investigador Ramón Piñeiro, homenaxeado na edición 2009 do Día das Letras Galegas que se celebra este domingo. Neste senso, o esforzo despregado pola publicación en liña resúmese en boa medida nun especial-web habilitado para avaliar ata no máis mínimo detalle e dende moi diferentes puntos de vista o legado bibliográfico e histórico do autor de Láncara. O obxectivo de Vieiros con esta achega colectiva de autores (algúns deles botando man dunha memoria compartida de xeito directo con Piñeiro) non é outro que aplicarlle á figura de Piñeiro e ao seu papel no galeguismo do século XX o mesmo espírito crítico e de debate que o autor reflectiu en boa parte do seu traballo de investigación. Dito doutro xeito: Vieiros opta no especial por tentar reflectir todo o positivo e o negativo que a contribución de Piñeiro puído ter para a nosa terra. “Había tempo que un homenaxeado no 17 de maio non espertaba tantas filias e fobias”, sinalan, de feito, os responsables do traballo no encabezamento da web.
O especial, no que por certo colabora o Concello de Santiago e máis a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), inclúe entre outros moitos artigos e documentos de interese o manuscrito orixinal do Preámbulo á Lei de Normalización de 1983 (cuestión tan de actualidade arestora na nosa sociedade), unha entrevista directa ao avogado e amigo do homenaxeado Xosé Luís Franco Grande (quen aproveita para expresar a súa arela de acadar para Galiza un “novo Piñeiro”) e un encontro co mestre Miguel Barros (quen hai uns días leu a súa tese sobre o autor de Láncara que en breve será publicada por Galaxia). Asemade, a escolma documental de Vieiros abrangue seis puntos de vista con feitura de artigos sobre Piñeiro da man de seis personaxes ligados á cultura e á educación (Antón Baamonde, María López Sández ou Xusto Beramendi) e outras tantas reflexións acerca da traxectoria do homenaxeado na edición 2009 das letras por parte de poetas como Xiana Arias, Xabier Xil ou Lara Dopazo.
Para rematar, incorpóranse á web informacións xerais xurdidas os pasados días sobre a figura de Piñeiro e a homenaxe deste domingo amais dunha axenda cos actos a celebrar en relación á festa das Letras en todos os recantos da nosa xeografía.
Vieiros conmemora as nosas Letras cun especial en detalle sobre Ramón Piñeiro
Compartir Este Artigo

