Perante os perigos que ten a Rede dos que alertan cada día organizacións e usuarios de a pé, case é inevitable que nos fagamos a seguinte pregunta: é unha irresponsabilidade que deixemos que as cativas e os cativos estean na Internet? Non será máis axeitado que se lles prohiba? A resposta a estas preguntas, neste caso, ben pode ter feitura de nova pregunta: lles pecharíamos a porta da casa aos nosos fillos para así evitar que corran perigo na rúa? Alén de todo iso, semella que o que vale para un escenario (a vida) vale tamén para o outro (a Rede): fai falla axuda pola nosa parte, ben a través de guías, consellos ou con normas a seguir. A maiores, son cada vez máis as organizacións, entidades públicas e empresas que botan unha man neste sentido. Como por exemplo Telefónica, que se vén de sumar á iniciativa Child Online Protection posta en marcha pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) hai uns meses coa finalidade de promover o emprego seguro das novas canles de comunicación entre nenos e mozos.
A proposta á que se adhire a operadora española (a través desta plataforma compartindo experiencias con organizacións como UNICEF ou Save the Children, amais de outras 16 entidades), centra unha boa parte das súas accións en poñerlles nome e etiquetas a todos aqueles espazos, ferramentas ou usuarios da Rede que poidan representar perigo para os internautas máis novos.
Amais deste compoñente máis teórico, Child Online Protection traballa en aplicacións e servizos en liña para pórlles freo a estes contidos e máis en programas de sensibilización e concienciación (como por exemplo a Guía para Nenos, que se vai presentar durante o transcurso dunha conferencia sobre seguridade en Internet a desenvolver en Xapón entre os días 2 e 3 de xuño).
Para a operadora española, cómpre deixar claras as vantaxes nos eidos comunicativo e educacional que subministran as redes, pero tampouco se pode deixar de lado que, como a vida, a Internet precisa de consellos para comezar a desenvolverse nela: “Internet dá unhas posibilidades ilimitadas en moitos aspectos, pero tamén é unha plataforma para que persoas con fins deshonestos poidan acometer delitos cara ao colectivo máis vulnerable da sociedade, os nenos”, subliña a empresa nun comunicado.
Telefónica traballará con UNICEF e Save the Children na protección dos nenos en Internet
Compartir Este Artigo

