A 62ª edición do festival de cine de Cannes acolleu a presentación oficial de Noche ¿de Paz?, unha produción de Dygra Films que será a primeira longametraxe galega realizada coa tecnoloxía Digital 3D. Os asistentes ao evento quedaron gratamente sorprendidos polo trailer da película que agarda estar finalizada antes de rematar o ano para poder chegar ás pantallas no Nadal.
A tecnoloxía coa que están a traballar dende os estudios de animación galegos permitirá que a película poida exhibirse nos cines con sistema de proxección 3D que é de agardar que cheguen ás principais cidades galegas durante o presenta ano, en boa medida pola chegada de multitude de películas de animación que aproveitan esta funcionalidade, así como por Avatar, a nova película de James Cameron que promete ser toda unha revolución audiovisual.
Manolo Gómez, director dos estudos Dygra, asegurou que «o 3D estereoscópico é, sen lugar a dúbidas, o futuro, a grande revolución do cine despois do son e a cor», pois esta nova tecnoloxía «permite vivir unha nova experiencia no cine, onde obxectos e personaxes achéganse á butaca, coa sensación de que practicamente podes tocalos».
Dygra presentou en Cannes a súa película Noche ¿de Paz?
Compartir Este Artigo
