A comunidade internauta galega vai ampliando a súa presenza nos sitios máis representativos da Rede de hoxe, como por exemplo no YouTube, o servizo de vídeos en liña onde veñen de desembarcar, e ao grande, os membros da comunidade estudantil da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade da Coruña, concretamente a través do espazo propio de seu youtube.com/cienciascomunicacion. Nesta canle, segunda informa a UDC, podemos atopar, entre outras moitas cousas, unha escolma dos traballos das alumnas e alumnos do dito centro educativo, traballos que foron realizados entre o comezo da impartición da licenciatura, no curso 2003-2004, ata o día de hoxe.
Segundo engade a Universidade, a canle estará suxeita a constantes ampliacións, algunhas delas a aplicar de xeito inminente, ao contarse en breve cos proxectos de fin de carreira dos estudantes. Por certo que o espazo ofrece posibilidades de subscricións para manter ao tanto á comunidade internauta de cada nova subida de vídeo.
O obxectivo da Facultade con esta iniciativa é fortalecer a súa presenza e dos alumnos en Internet, tirando partido das novas tecnoloxías, e máis concretamente das ferramentas 2.0 (as participativas), para divulgar e dar maior visibilidade aos traballos das e dos estudantes.
O alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC amosa os seus proxectos no YouTube
Compartir Este Artigo

