O de procurar voos axeitados ás nosas necesidades en Internet estase a pór un pouco complicado. O problema, en contra do que lle poida parecer a un acabado de iniciar nos segredos da Rede, non é que haxa escasos recursos para buscar e mercar: o problema é que hai unha porrada deles. Tendo en conta isto, que de novo os atrancos para chegar á información resúmense en que hai información de máis, xorden cada pouco tempo iniciativas para tentar poñer un pouco de orde e axudarnos a elixir un produto máis ou menos acorde co que precisamos e, sobre todo, a perder o menor tempo posible. Nesta liña, pero sen renunciar á arela de negocio, é onde se quere mover TerminalA.com, que vén de presentar unha nova plataforma para obter resultados de buscas nun prazo de tempo que a xuízo dos responsables da mesma resulta fóra de toda dúbida un tempo récord: de 7 a 20 segundos. O proceso de simplificación da compra de billetes tamén se aplica nos pasos a seguir: só tres e sen que sexa preciso que nos rexistremos na web.
Asemade, a idea do equipo de TerminalA é de achegar recursos de información do voo solicitado ou mercado con posterioridade a esta operación de compra: haberá mensaxes de texto ao móbil para relembrar reservas e número das mesmas, o día exacto de saída e a información do tempo no punto de destino. Segundo se conta en Cibersur.com, a web en cuestión marca certas diferenzas cos seus competidores no senso de achegar datos detallados sobre os aeroportos e a infraestrutura coa que contan, situación climática en orixe e destino ou sinalización do percorrido a través do servizo Google Maps.
A web TerminalA reduce os tempos de busca de voos
Compartir Este Artigo

