Animacam.tv, en contra do que poida parecer a primeira vista, non constitúe nin moito menos a resposta tecnolóxica e audiovisual pola que algún que outro cuadrúpedo dos que temos pola casa estaba a devecer. A cousa, sen pecharlles a porta, vai por outro camiño. E nunca mellor dito, tendo en conta que se trata dunha plataforma-concurso que busca premiar as melloras pezas audiovisuais de animación vinculadas á que moi probablemente sexa a vía de paso máis coñecida de todas as europeas: o Camiño de Santiago. Pois ben, segundo nos conta a organización o certame xa vai pola segunda convocatoria, proba de que hai tema e material sobre o que tratar e, tamén, de que a Rede non ten porqué ser inimigo do audiovisual, senón todo o contrario: crea interese arredor del, fluxo de opinións e promocións e, sobre todo, público. O concurso, que tamén se coñece como Festival de Animación en Internet, é unha iniciativa de Limaia Produccións (con sede en Sandiás, Ourense) co patrocinio do Xacobeo, Turgalicia e as consellerías de Cultura e de Economía e Industria.
O certame, contan os seus responsables, ten un obxectivo dos que non se resumen nunha frase: a idea é poñer en competición pezas chegadas de todo o mundo, favorecer a creación audiovisual dende todas as frontes (autores, escolas, produtoras) e, tamén, dar información sobre o Camiño de Santiago do mellor xeito (unhas biblioteca, fototeca e videoteca virtuais do Camiño cos escritos, fotos e vídeos dos peregrinos-internautas).
A todo isto, que non é pouco, cómpre engadirlle un espírito plural, favorecedor do intercambio de coñecemento e experiencias entre culturas e do respecto á diversidade.
Nesta liña é precisamente onde se insire o interese dos organizadores por convocar a creadores de debuxos animados de calquera recanto do mundo. Cómpre lembrar que a primeira achega de Animacam.tv, celebrada de xullo a outubro de 2008, foi visitada por máis de 75.000 internautas e rematou coa participación nas seccións competitivas de 164 filmes de animación procedentes de 33 países dos que seis foron seleccionados para cadanseus premios de 2.000 euros por votantes rexistrados dende máis de 40 países.
Polo que respecta a esta segunda convocatoria que xa está operativa na Rede, dicir que hai unha serie de novidades encamiñadas a acadar a máxima repercusión no que respecta a calquera dos tres grandes obxectivos devanditos: na sección competitiva engádense espazos para escolas de animacións e para creadores noveis que poderán participar no apartado Ópera Prima e outro para filmes dirixidos a nenos de 0 a 6 anos. Por outra banda, mantéñense as demais categorías e os premios do público de 2.000 euros e dous premios especiais coa mesma dotación. Igualmente nova é a modalidade de Obras Inacabadas, fóra de concurso pero aberta, indica a organización, a recibir todas aquelas pezas de animación de calquera época e técnica, que ficaron na fase inicial ou a metade de produción, “pois ao amosalas poden xurdir contactos que axuden e animen a rematalas”.
A maiores, sinalar que a participación tamén se abre este ano a peregrinos e internautas en xeral a través das Seccións Paralelas, nas que todas e todos poderán deixar a súa crónica persoal sobre o Camiño, ben a través de vídeos ou con comentarios, contos e fotografías.
Por certo que para o envío de filmes na sección oficial, o prazo fica aberta ata o 31 de agosto.
Chega a segunda edición de Animacam.tv, o certame galego de animación en liña
Compartir Este Artigo

