A mostra Galicia Dixital segue a súa andaina, fixa (na sede de Compostela) ou itinerante, como punto de encontro da mocidade perante a construción de mundos virtuais feitos dende aquí. Segundo informan os responsables da iniciativa, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, está previsto que o vindeiro xoves sexan as cativas e cativos do Colexio de Primeira e Infantil de Vedra as/os que visiten a mostra. Cómpre lembrar que Galicia Dixital é unha exposición permanente e interactiva que apoia unha boa parte do seu atractivo en ofrecer como sería o mundo que nos rodea, neste caso o galego, no caso de convertelo punto por punto ao dixital e dándolle, tamén, un aquel de nunca visto. A mostra, na que están a traballar arestora máis de 100 persoas procedentes de moi diversos sectores (empresas de audiovisual e de informática, investigadores das nosas tres universidades) vai encamiñada a ofrecerlles aos visitantes algo máis que un simple papel de espectadores: quérese que participen nos seus contidos, “tocando e experimentándoo todo”, sinalan os organizadores da mostra.
Por certo que entre as propostas máis recentes cómpre salientar Aerodislazadores por Compostela, un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista aerodeslizador. Nesta carreira enfróntanse tres xogadores subidos nos seus vehículos. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira. Outro dos contidos da exposición é o Plató Chroma Key, un espazo onde se sitúan os visitantes para moverse con total liberdade perante unha cámara de vídeo mentres se ven reflectidos nunha pantalla, mergullados dentro dunha película ou dun orixinal decorado virtual que eles mesmos poden escoller.
Nenas e nenos de Vedra darán conta o vindeiro xoves das novidades de Galicia Dixital
Compartir Este Artigo

