Para quen non o saiba, ben porque o feito de que todos os días se celebre algo cansa xa un pouquiño ou ben porque hai información de máis e algo haberá que deixar de lado, este ano en curso, 2009, foi nomeado polas Nacións Unidas como Ano Internacional da Astronomía (IYA2009), o que máis ou menos significa que teremos ao alcance da man unha oportunidade inmellorable de introducírmonos nun eido do coñecemento que polas razóns que sexa non atopa nos medios a repercusión que se merece. De feito, é a Rede a plataforma de coñecemento que semella estar adoptando o tratamento máis fondo, a anos luz (e nunca mellor dito) do que se lle está a emprestar dende os grandes medios de tipo tradicional. Unha boa porta para entrar no referente á celebración e a todo o que ela implica semella o Blog de Astronomía, caderno dende o que se está a facer seguimento exhaustivo dunha festividade na que están a participar preto de 130 países coordinados pola Unión Internacional Astronómica.
O evento, que non chega de xeito casual (posto que se cumpren 400 anos da primeira vez en que Galileo Galilei apuntou ao ceo co seu telescopio), ten como gran obxectivo achegar o universo á xente de a pé e sexa cal sexa o seu nivel de coñecemento sobre a materia.
Por certo que entre as actividades que se inclúen atopamos a chamada 100 horas de Astronomía, unha iniciativa celebrada a fin de semana pasada en España e que como o seu propio nome indica concibiuse coma unha sesión continua de actividades vinculadas a esta disciplina do coñecemento: webcasts, observacións do ceo ou conexións en directo cos grandes observatorios do planeta.
Para quen queira facerse unha idea máis ampla sobre a efeméride e sobre o programa de actividades que inclúe, en España xa está en activo unha completa páxina web con todo o referente ao Ano Internacional da Astronomía. Neste espazo incorpóranse seccións como Proxectos piares especialmente axeitada para recadar información sobre cada un dos eventos dos se constitúe a celebración. Asemade, os responsables da páxina web habilitaron un buscador que fai máis doado a procura de iniciativas e coa vantaxe de que achega datos por provincias.
A Rede ofrece completa información sobre o Ano Internacional da Astronomía
Compartir Este Artigo

