Que facer cando os coches non chegan ata onde Google quere que cheguen na súa teima por rexistralo todo e logo ofrecelo na Web? A solución ten dúas rodas (neste caso tres) e chámase bicicleta. Por certo que disto, de usar este vehículo tan saudable para o servizo Google Street View, non se vai librar o caso vello de Santiago de Compostela, arestora pechado á libre circulación de coches e motos. Segundo informa Europa Press, amais de en Compostela, tirarase partido das bicicletas nas zonas menos accesibles de Salamanca ou Granada, concretamente o barrio de Albaicín. Con este obxecto, o xigante de Internet vén de deseñar unhas bicis con tres rodas que, de non ser identificadas por este pequeno gran detalle, poderán selo por un sinal máis recoñecible: as cores e logotipo de Google. A idea é que estes vehículos, que xa teñen unha experiencia dando cobertura fotográfica aos barrios máis recónditos de determinadas cidades de Estados Unidos, substitúan aos coches en todas as súas funcións e equipamento.
A iniciativa, informa Google, porase en marcha ao longo deste verán coa finalidade de que evitar que se dea a contradición de non levar o Google Street View (presente dende outubro en Madrid, Oviedo, Sevilla, Barcelona ou Valencia) a aquelas zonas urbanas que, precisamente por estar máis protexidas contra coches e motos, adoitan a ser a máis interesantes dende todos os puntos de vista. “O noso obxectivo é cubrir a maior parte do territorio coa intención de achegar un servizo útil e completo aos usuarios, sendo estas bicicletas son o vehículo perfecto para acadalo”, subliña con motivo da posta en marcha deste servizo a responsable de promoción de produto de Google España, Isabel Salazar.
Santiago, Salamanca e Granada darán acubillo este verán ás bicicletas de Google Street View
Compartir Este Artigo

