A polémica lei de Sarkozy, tamén coñecida como a dos tres avisos, que permite o corte do acceso a Internet a aqueles usuarios que compartan contidos protexidos por dereitos de autor, vén de chegar finalmente á política española, cunhas declaracións do líder do PP, Mariano Rajoy, que prometeu “recurrir ao Constitucional”de terse aprobado unha medida similar que permita cortar a conexión á Rede no noso país.
O presidente do Partido Popular vén de anunciar que “acudirá aos tribunais en caso de que o Goberno español implante unha normativa similar á francesa”, da que xa se afirma que permitirá cortar a conexión por ADSL por vía administrativa a aqueles usuarios que realicen descargas ilegais de Internet.
Rajoy, que xa mostrara o seu desacordo co pago do canon dixital anunciado por Zapatero, vén agora de asegurar que no caso de que esta normativa se intente aplicar en España “acudirá á xustiza no nome dos internautas”.
A lei de Sarkozy en España
No noso país, malia que Zapatero intentou tomar unha decisión similar mediante un acordo entre as entidades de xestión de dereitos de autor e os operadores de telefonía, o caso é que as negociacións finalizaron sen chegar a bo porto e agora os partidos temen que Zapatero remate “aprobando unha iniciativa similar á francesa no Parlamento”.

