Tal e como falabamos nesta mesma web hai uns meses, Pontevedra foi unha das cidades elixidas para levar a cabo unha nova experiencia en materia de votación electrónica nos comicios europeos deste domingo 7 de xuño. A idea dos responsables da proposta, entre outras, era a de sentar as bases reais do que será o noso xeito de achegarnos ás urnas no futuro inmediato: de maneira máis rápida e automática e, ao seu xuízo, con todas as garantías de confidencialidade aseguradas. Segundo fai saber Portalelectoral.es, a experiencia forma parte do Colexio Administrado Electronicamente, pertencente ao Ministerio do Interior, e inclúe ferramentas dixitais para servir de axuda a todos os implicados: compoñentes da mesa electoral (co obxecto de facilitarlles o seu traballo, ata o de agora practicamente analóxico) e votantes (que serán identificados de maneira máis áxil e precisa). O proxecto, que xunto coa dita cidade galega levarase a cabo en Lleida e Salamanca, vai encamiñado a tirar proveito do DNI electrónico e das súas vantaxes (para moitos cidadáns aínda descoñecidas), máis presente en localidades de tamaño medio como as devanditas.
O sistema inclúe o seguinte equipamento para os integrantes das mesas: un PC portátil, unha impresora, un lector óptico e unha memoria USB que incorpora, encriptada, a listaxe de veciños e veciñas que poden votar da área urbana que lle foi previamente encomendada. Isto complétase con papeletas con código de barras.
A gran vantaxe deste sistema, sinalan os seus responsables, é a de permitirlles a uns e outros uns procesos de votación, presenciais e por correo, máis fiables e automáticos. Para facérmonos unha idea, sinalar que o escrutinio dos votos realizarase mediante o devandito lector óptico, que captará a información que leva o código de barras de cada papeleta. Unha vez rematada a tarefa, eliminaranse os datos contidos na memoria USB e máis no disco duro do computador. Por certo que a intención do Goberno, de resultar un éxito a proba deste 7 de xuño, é a de aplicala a todo o conxunto do estado con vistas a vindeiros procesos electorais. Para o Executivo, é importante subliñar o aforro que xera a aplicación a este eido dos servizos electrónicos, sobre todo na cuestión do papel, sendo 1.500 toneladas a cifra medida que fai falta para cubrir uns comicios.
Pontevedra participa o domingo nunha nova experiencia de voto electrónico
Compartir Este Artigo

