Televés segue a máxima de aplicar ás súas tarefas de promoción o principio da mobilidade. Dito doutro xeito: desenvolvementos como a antena intelixente DAT HD móvense sobre rodas, concretamente as da unidade móbil da empresa con sede en Santiago especificamente habilitada para amosar de primeira man as vantaxes da tecnoloxía da televisión do futuro. Por certo que segundo nos contan fontes da propia compañía, o Tour HDTV que protagoniza o dito vehículo está a facer dende este xoves (e durante tres días máis) unha parada estratéxica en Valencia. O motivo? Participar arreo no Congreso Fenitel na Cidade das Artes e das Ciencias. A idea é a mesma da xira (achegar a televisión do futuro aos técnicos, distribuidores e profesionais do sector), pero ao grande: con máis público e con meirandes posibilidades de acordos.
Sinalar que a unidade móbil vén equipada con tecnoloxía de última xeración e que o itinerario comezou no berce mesmo de Televés, o 28 de abril, para logo desenvolver unha ruta polas principais cidades de Portugal.
A chegada a Valencia representa un dos puntos álxidos do desembarco levantino do vehículo galego. “Coa chegada a Valencia da unidade móbil de Televés”, sinalan fontes da empresa, “os técnicos e instaladores terán unha extraordinaria oportunidade de achegarse, de mans da compañía líder no desenvolvemento tecnolóxico de antenas e equipos para a distribución e mediación do sinal de radiotelevisión, á tecnoloxía que soporta a televisión de alta definición (HDTV) así como a produtos e solucións desenvolvidos por Televés”.
Por certo que a xira non remata en Valencia: en breve está previsto que o vehículo cruce unha parte do Atlántico para presentar as vantaxes da nova televisión en Madeira. Máis tarde, volverá ao Portugal peninsular e, na segunda metade do ano, visitará o resto das comunidades autónomas españolas. Asemade, tamén está programado quen para 2010 cruce os Pirineos para percorrer Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Escandinavia e a Europa do Leste. Sinalar que no itinerario participa activamente a ampla rede comercial de Televés, que dispón do apoio de empresas distribuidoras de material eléctrico e electrónico.
Entre os recursos propios da empresa galega que se poden coñecer no Tour, atópanse a nova antena DAT HD (da que falamos recentemente nesta web con motivo da súa presentación en Alemaña) ou o medidor de campo portátil H45, a xuízo de Televés o primeiro da súa clase que incorpora o procesado dixital.
Por último, lembrar que a xira en cuestión pode seguirse, co fin de non perdérmonos a ocasión de participar nela, a través da Web, máis polo miúdo na páxina www.hdtv-tour.com, na que se ofrece un seguimento real do vehículo e toda a información relativa ás datas e lugares previstos para cada unha das paradas. E para que ninguén fique nunha simple exposición de números e nomes de lugares, tamén se achegan crónicas e imaxes das actividades desenvolvidas nas paradas que se van deixando atrás.
A unidade móbil de Televés desembarca en Valencia no Congreso Fenitel
Compartir Este Artigo

