Xornal de Galicia vén de subministrar máis datos sobre a natureza do contrato que o xigante Microsoft asinou recentemente coa Xunta por un valor de 2,2 millóns de euros, a entregar pola Administración co obxectivo de renovar as licenzas do seu equipamento informático. Segundo conta o medio de comunicación galego, realmente non estaríamos a falar de máis datos sobre a adxudicación, senón máis ben do contrario: logo de tentar recoller información extra sobre o contrato a través de fontes de Microsoft, o Xornal foi virtualmente reenviado ao Goberno galego para esixir aí as pezas que faltan aínda dun proceso que, a xuízo do medio de comunicación galego, “non para de enredarse”.
Cómpre lembrar que o caso remóntase a principios de maio, cando se tivo coñecemento dun contrato de 2,2 millóns de euros asinado con Microsoft para a compra de licenzas dos produtos da compañía e renovación das xa existentes. Este proceso topouse dende o principio co rexeitamento da nosa comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre, arestora especialmente activa e con cada vez máis vocación empresarial, que cualificou o contrato de inoportuno, e máis si se ten en conta que existen programas galegos para usuarios, empresas e administracións como Trisquel ou Galinux que xa están dispoñibles dende hai tempo e non requiren pago nin renovación de licenza.
Segundo engade o Xornal, “a falta de publicidade e o escurantismo que arrodean o acordo non impiden o silencio de Microsoft ante as preguntas deste diario”. A resposta, informa o medio de comunicación, foi sempre a mesma malia ir dirixidas algunhas das preguntas a obter máis información sobre os produtos incluídos no contrato: “Todas as cuestións fan referencia a un contrato coa Xunta, así que as preguntas deben ir dirixidas a esta”, puntualizaron fontes de Microsoft.
Microsoft non achega datos sobre o seu contrato coa Xunta
Compartir Este Artigo

