Seguimos a voltas coa teima da seguridade en liña para cativos e adolescentes, e non porque queiramos crear alarma, senón porque cómpre deixar claro que a Internet non é un xoguete calquera senón unha gran plataforma para conectármonos co mundo na súa integridade, con todo o que iso implica de positivo e de negativo. O caso é que seguen a proliferar os estudos que advirten sobre o que acabamos de dicir: a Internet é vantaxosa, pero ten tantos puntos en común cunha navegación real como sexa posible imaxinar, polo que para as nosas sesións en liña tamén debería valer o mesmo que para unha viaxe na vida: mapas, instrucións, follas de ruta e demais. O Observatorio da Sociedade da Información afonda estes días neste punto, e faino presentando unha completa escolma de informes de todo tipo e procedentes dende os máis variados recantos sobre as eivas principais da concorrencia en liña dos máis pequenos da casa.
Entre estas investigacións atopamos un dos máis recentes estudos de Enter, onde se nos pon sobre aviso sobre un punto no que non repararamos abondo: todo o que se publica segue na Rede de maneira indefinida, e non é doado saber por onde viaxan os contidos. Dito doutro xeito: fan falta un par de pasos, unicamente, para que todo o mundo poida acceder a calquera imaxe ou comentario que deixemos. Isto que acontece sobre todo coas redes sociais, actualmente moi de moda entre a rapazada, é un dos puntos que máis preocupa á Axencia Española de Protección de datos (AEPD) en materia de seguridade en liña. Segundo advirte o organismo no recente Estudo sobre a privacidade dos datos persoais nas redes sociais online, o 44,6% dos internautas españois emprega as redes sociais e sete de cada dez son menores de 35 anos, un 36,5% entre 15 e 24 anos e un 32,5% entre 25 e 24 anos.
Estas ferramentas, indica o Observatorio Galego, son usadas sobre todo para compartir ou subir imaxes (70,9%), enviar mensaxes privadas (62,1%), comentar as fotos dos amigos (55%) e rexoubar (46,2%). O 43% dos usuarios de redes sociais ten configurado o seu perfil de forma que pode ser visto na Rede por calquera persoa, un dato relevante si se ten en conta que 272 millóns de persoas interactúan no mundo grazas a este medio e case 8 millóns en España.
Ademais, prosegue o Observatorio Galego da Sociedade da Información, con frecuencia as redes sociais solicitan aos novos usuarios datos relativos á súa ideoloxía política, orientación sexual e preferencia relixiosa, que poden ser visibles por todos os seus contactos e, dependendo da configuración do perfil, por todos os usuarios da Rede.
O OGSI advirte: un de cada tres menores emprega redes sociais sen protexer o perfil
Compartir Este Artigo

