O Parque Tecnolóxico de Galicia, que dende comezos dos anos noventa se dedica incansablemente a apoiar e potenciar as iniciativas tecnolóxicas levadas a cabo nas empresas galegas que máis precisan da súa axuda, vén de facerlle unha reforma á súa web para adaptala ás novas esixencias da Rede, integrando servizos 2.0 e facéndoa máis atractiva e funcional.
Este espazo de difusión, que dende hai uns anos funciona como punto virtual de encontro para todos os socios e socias do Parque, vén de converterse agora nunha “web colaborativa”, que integra, entre outros servizos, ligazóns á plataforma Flickr, ao seu microblogging Twitter e tamén a Delicious, unha rede social que permite agregar, etiquetar e compartir páxinas con outros usuarios na que a Tecnópole ten o seu propio espazo.
O Parque Tecnolóxico de Galicia, que dende hai ano e medio ten habilitado un localizador en Google Maps e a súa propia entrada na Wikipedia (en galego, castelán e inglés), permite agora a suscrición á súa newsletter mediante o protocolo RSS para que sexa accesible, ademais de mediante correo electrónico, a través dos lectores de feeds, como Google Reader.

Esta aposta da Tecnópole polas ferramentas da Internet colaborativa responde, segundo afirman os seus responsables, ao seu interese, en calidade de entidade prestadora de servizos avanzados ás empresas e centros tecnolóxicos de toda Galicia, “de estar ao día e aproveitar as vantaxes das ferramentas de comunicación máis innovadoras”. Por este motivo, recentemente comezou tamén a promover accións de capacitación en habilidades 2.0 abertas aos seus clientes e partners e levou a cabo un proxecto de implantación de ferramentas de escritorio que converteu o entorno de traballo dos seus servizos centrais nun entorno 2.0.
Información actualizada e mapa virtual
A renovación da web de Tecnópole supón tamén a actualización de toda a información relativa aos proxectos nos que está implicada e os servizos que presta, ademais da canle de novas na que se publican puntualmente todas as novidades relacionadas co Parque Tecnolóxico e con todas as empresas e centros que aloxa.
Por outra banda, a nova web pon a disposición dos seus usuarios a versión dixital da publicación Tecnópole 2009 (en versión navegable ou descargable en PDF), con toda a información económica da entidade e das empresas e centros do Parque Tecnolóxico.
Os internautas poderán, asemade, facer unha viaxe virtual pola Tecnópole empregando o mapa Tecnópole 3D, que permite visualizar os lindes do que será a próxima ampliación da superficie do Parque.
No marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, Tecnópole tomou a iniciativa de suprimir a versión en papel do seu Manual de benvida, polo que a nova web dispón agora dunha área privada na que as empresas que se incorporen ao Parque poderán acceder a unha versión navegable.
Ademais, o Parque Tecnolóxico de Galicia, que mantén unha relación moi estreita cos centros escolares galegos a través de iniciativas coma a feira científica Galiciencia e o seu ciclo de visitas para colexios, habilitou tamén unha sección especial para escolares. Co título Es novo nisto?, na web ofrécese información sobre Tecnópole cunha linguaxe sinxela e especialmente pensada para os máis novos.

