Para os expertos que se reuniron no 51º congreso da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía celebrado recentemente en Bilbao, hai unha realidade que non se pode negar: “en España a fenda dixital entre as persoas maiores segue a ser enorme en comparación con outros países europeos”, algo que se pode solucionar, segundo veñen de informar os responsables do devandito congreso, “facendo un esforzo maior do que se está a facer en torno a este colectivo para lograr a súa inclusión dixital”.
Baixo este concepto, Fernando Gómez Busto, médico xeriatra e membro do comité organizador do encontro, alude a todo un conxunto de medidas destinadas a que as persoas maiores poidan facer un maior e mellor uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación.
Neste senso, a “inclusión”, tradúcese, segundo Gómez, “nun maior e mellor acceso á información e á tecnoloxía da comunicación, que abra as portas ao uso de teléfonos móbiles, ordenadores, Internet e dispositivos similares para a implementación de servizos como a teleasistencia, televixianza, domótica, telemedicina”…
Gómez Busto incide en que o deseño dos dispositivos “debe acomodarse máis ás características das persoas maiores”, por exemplo pantallas con información a tamaño ben visible, sons audibles polos maiores, teclados ergonómicos ou menús máis doados de manexar… a fin de acomodalos mellor aos problemas sensoriais e articulares máis frecuentes nos maiores.
Dentro do congreso da SEGG, este profesional indicou, asemade, que as tecnoloxías aplicadas ás persoas maiores tradúcese en varias vantaxes, entre as que destaca o feito de mellorar a calidade de vida do maior dentro do seu fogar, o lugar onde máis tempo pasa.
Neste evento tamén se falou, por último, de robótica, os futuros sustitutos dos profesionais sanitarios, que poden axudar aos maiores na súa fase a rehabilitación motora cando teñan dificultades deste tipo.
Na actualidade, apuntou Busto, “estanse a desenvolver moitos programas que, baseados na innovación tecnolóxica, buscan mellorar a calidade do envellecemento, crear entornos máis seguros, mellorar os intercambios de información sanitaria, promover un envellecemento máis activo e colaborar na recuperación das persoas con discapacidade”, concluíu.
España á cola de Europa na inclusión das persoas maiores nas TIC
Compartir Este Artigo

