Os afeccionados aos produtos de Apple estaban moi interesados en ver os detalles do novo iPhone, aínda que hai que precisar que esta renovación vén en dúas fases, xa que por unha banda está a actualización do firmware do iPhone (aplicable tanto aos terminais vellos como aos novos) e por outra estaría o novo móbil, con algunhas novidades que non supoñen ningunha grande revolución.
Así a versión 3.0 do sistema operativo do iPhone incluirá soporte de mensaxes multimedia (MMS), o buscador Spotlight (para localizar información no correo electrónico, no calendario e, en definitiva, en todo o que haxa no iPhone), notas de voz, introdución de texto en modo apaisado (para poder gozar un teclado virtual máis cómodo), a agardadísima función de copiar a pegar, calendario mellorado, compra de vídeos musicais, cancións e audiolibros dende a iTunes Store do móbil, adaptación da aplicación de consulta das cotizacións bolsistas para que funcione en modo apartado, importante actualización do navegador web Safari Mobile (que agora é máis rápido, incorpora autoenchido de formularios e mesmo soporta HTML5) e incluso abre a función Find My iPhone para que os usuarios de Mobile Me poidan localizar o móbil en caso de estravío e moitas outras pequenas funcións.

É todo unha sorpresa que chegue a España o día 19 de xuño, de xeito que non haberá que agardar a xullo ou agosto (como acontece noutros países) para poder facerse co novo móbil, que nos EE.UU. venderase a 199 dólares (o modelo de 16 Gb) e 299 dólares (o modelo de 32 Gb) conservándose o vello iPhone 3G a 99 dólares, o que permitirá que algúns usuarios poidan subir ao carro do móbil de Apple a un prezo reducido. Falta por coñecerse a política de prezos que teremos en España por parte de Telefónica.

iPhone 3G S, o novo móbil de Apple
Compartir Este Artigo

