Coincidindo coa data do terceiro aniversario da súa constitución, a Asociación Puntogal, que dende entón non deixou de pelexar por conseguir un dominio propio para a cultura e lingua galegas, vén de renovar a súa web, facéndoa, entre outras cousas, máis funcional e atractiva.
O novo portal da entidade, que conta cun innovador deseño e é moito máis navegable do que xa era dende un primeiro momento, distribúe agora a información en tres grandes bloques: un para Novas, outro para Información e outro que se fai chamar Apóianos, onde se atopan os listados dos apoios recibidos pola asociación para respaldar a súa iniciativa.
O primeiro dos bloques, o das novas, recolle toda a información de actualidade relacionada co traballo da entidade e cos esforzos que os seus representantes fan cada día para conseguir o dominio .gal. Esta sección estrutúrase, ao mesmo tempo, en diversas partes, entre as que destaca a de Subscrición, que ofrece a posibilidade de recibir regularmente un boletín coa actualizacións que se teñan producido na web, vía correo electrónico.
No tocante ao bloque de Información, aquí é onde se agrupan os contidos que a Asociación PuntoGal considera que “debe difundir para dar a coñecer os seus obxectivos” así como todo o relativo ao proceso de consecución de novos dominios na Rede.
A diferencia da anterior, esta nova páxina achega datos das entidades que se teñen sumado ata o momento, cunha mellor visualización das mesmas, ao tempo que permite localizar dun xeito máis doado ás persoas que asinaron polo dominio propio .gal.
Asemade, o portal conta cun apartado no que salienta as vantaxes que a consecución do PuntoGal supón tanto para as empresas, asociacións, administracións e institucións do noso país, como para cada internauta a nivel individual.
A web está dispoñible en galego, español e inglés, mais esta última versión está a ser actualizada para poder funcionar ao cen por cen no menor prazo de tempo posible e chegar así a un número maior de usuarios.
A Asociación PuntoGal renova a súa web
Compartir Este Artigo

