O pasado martes, 9 de xuño, o Diario Oficial de Galicia poñíalle fin á incerteza que durante algúns meses se veu creando en torno a aquelas persoas que teñen relación directa coas novas tecnoloxías e que non sabían (nin por asomo) cal sería o departamento que asumiría as funcións relacionadas coas TIC no novo goberno da Xunta, as mesmas que no mandato de Touriño levaba a cabo a desaparecida Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
Pois ben, segundo se publicou no DOG, estas competencias repartiranse, finalmente, entre a Consellaría de Economía e Industria, a través do Igape, e a nova Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, creada polo goberno de Feijoo para xestionar a parte relacionada coa Sociedade da Información e coas infaestruturas, así como a que ten que ver coa promoción das novas tecnoloxías no ámbito da cidadanía e das administracións públicas.
Pola súa parte, a Consellaría de Economía e Industria collerá para sí as competencias no referente á promoción das novas tecnoloxías no eido empresarial.
Asemade, segundo informa o DOG, a Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, que anteriormente estaba adscrita á Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, quedará igualmente adscrita á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
A nova Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xestionará as TIC en Galicia
Compartir Este Artigo

