As novas tecnoloxías non acabarán co cinema nin coa música. En aspectos de distribución, non necesariamente de contidos, teñen capacidade para contribuír a que se abran novas vías de contacto entre o espectador e o audiovisual. Así, a innovación mesmo pode significar un fenómeno semellante á proliferación de salas, fixas e ambulantes, acontecida na nosa terra a principios do século XX. Por este vieiro, aínda que polo dixital, é por onde se move o circuíto Cinemadix, unha proposta galega que serve entre outras cousas para adiantar o que ben podería ser o futuro da exhibición cinematográfica: chegando as obras de xeito simultáneo a diferentes puntos da nosa xeografía. O proxecto, lanzado por Carmen Rábade (directora da escola de produción audiovisual O Raio Verde), ten o apoio da Facultade de Psicoloxía (Unidade de Psicoloxía do Consumidor) e das empresas tecnolóxicas Lambdastream (especializada en televisión interactiva), Ozono Multimedia e Xaspe.
O seu funcionamento vai ser o seguinte: Cinemadix tirará partido das máis novas tecnoloxías da información para proxectar un filme de xeito simultáneo en todas as asociacións participantes na iniciativa. Isto será posible grazas ao emprego dun software específico de transmisión do sinal.
Como dixemos ao principio, na iniciativa rastréxase unha vontade de anovar o xeito actualmente estendido de achegármonos ao cinema a base de certos achados propios dos primeiros intres de espallamento do audiovisual (como por exemplo, carretar a luz da proxección a onde fose preciso e sen importar a distancia). En palabras dos seus responsables, “Cinemadix nace coa finalidade de modernizar os tradicionais circuítos de distribución e, especialmente, achegar o cinema galego aos espectadores de todos os concellos, as asociacións culturais e a outro tipo de entidades locais que van poder acceder desta maneira a unha ampla oferta cinematográfica a prezo moi competitivo”.
Cinemadix, que foi presentado o pasado día 18 en Compostela nun acto encamiñado a atopar socios, participantes e colaboradores (empresas, asociacións, concellos, etc.), terá tamén unha parte informativa e divulgativa: a idea é complementar as exhibicións con sesións de videoconferencia de sesións interactivas entre os espectadores e os equipos técnico-artísticos dos filmes, “fomentando a posibilidade dunha retroalimentación que sexa constante en unha parte e outra”. Polo que respecta ao tipo de producións ás que se pretende atender dende a iniciativa, dicir que a idea é apoiar, precisamente, a quen ten dende o plano teórico menos apoios: o cinema de guión e independente. A proposta incluiría programación semanal para adultos de mércores a domingo a partir das 20.30 horas (co conseguinte debate videoforum cos equipos da rodaxe) e para público infantil durante as fins de semana a partir das 17.00 horas.
O Raio Verde proxectará audiovisual galego en toda a nosa xeografía de xeito simultáneo
Compartir Este Artigo

