A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) organiza os días 9 e 10 de xullo o foro Novos Medios e Contidos Audiovisuais Novomed 09, un encontro de profesionais e afeccionados que ten como principal obxectivo o de avaliar e avanzar os rumbos vindeiros dos contidos audiovisuais, en boa medida vinculados á Sociedade do Coñecemento e as súas diferentes plataformas. As xornadas, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, xuntarán baixo un mesmo teito a unha boa parte dos máis salientables especialistas en innovación fílmica de Galiza, España e a súa contorna.
AGAPI contará para este evento co apoio da Consellería da Economía en labores de patrocinio, amais da colaboración da Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e da Universidade de Santiago (USC).
Segundo conta a organización xa confirmaron a asistencia e participación empresas e entidades como Bren Entertainment, Continental Games, Youtube, Fox Channels, Vértice 360º, Enxebre Entertainment, Antena 3, Telefónica, Orange, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, o IGAPE, Televisión de Galicia, TV3, ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais), Impulsa TDT e o Instituto de Crédito Oficial (ICO. Xuntas, sinala AGAPI, “debuxarán o camiño de evolución do sector audiovisual, nos seus novos contidos, formatos e soportes”.
O programa centrarase na televisión dixital (TDT), o novo marco regulador do sector audiovisual, os contidos multiplataforma, a animación dixital e os videoxogos e a rendibilidade do negocio audiovisual. Os asistentes poderán coñecer aos responsables das empresas máis innovadoras e dos novos modelos de negocio do sector audiovisual.
NovoMed 09 reunirá en Compostela a destacables especialistas en innovación audiovisual
Compartir Este Artigo

